Actualidade APSC
Expectación ante o XII Trofeo da Asociación da Prensa
16-05-2012
Mañá enfróntanse SD Compostela e Victoria FC con equipos de gala
Despois de 47 anos, mañá xoves 17 de maio, festivo en Galicia polo Día das Letras Galegas e coincidente tamén coa festividade local santiaguesa da Ascensión, recupérase un dos trofeos deportivos máis prestixiosos do panorama futbolístico compostelano: o da Asociación da Prensa. O encontro, con entrada de balde, será as 12.00 horas no mítico estadio de Santa Isabel. A expectación é palpable na cidade non só pola recuperación do cobizado trofeo senón tamén polo carácter festivo e de celebración de ambos os dous equipos: a SD Compostela, que fai 50 anos e que acaba de ascender a 3ª División, e o modesto Victoria FC, histórico clube do barrio de San Lázaro, que cumple nada menos que 75 anos. Ao evento acudirán as primeiras autoridades locais e provinciais así como numerosos xornalistas, pertencentes ou non á Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela-FAPE, tributaria da antiga Asociación da Prensa que en breve tamén estará de aniversario cos seus 70 anos de historia. Os previos do partido serán amenizados pola banda de coros e gaitas Cantigas e Agarimos, haberá solta de pombas e bombas de palenque.































