A crise deixa sen traballo a case 1.900 xornalistas en España
Preto de 1.900 xornalistas de todo o Estado perderon o seu traballo durante recentemente, segundo os datos que se desprenden do estudo realizado polo Observatorio de FAPE para o seguimento da crise, e que se deron a coñecer no marco da 68ª Asemblea Xeral de FAPE que se celebrou os pasados días 14 e 15 de marzo en Sevilla.
O Observatorio da crise advertiu sobre as fórmulas que as empresas de comunicación están a utilizar para facer fronte á crise económica como son as baixas, prexubilacións incentivadas, recortes e axustes de persoal, ao mesmo tempo que se fomenta a precariedade laboral en detrimento do xornalismo.
Segundo o estudo, o sector máis afectado está a ser o da prensa non diaria cun 32,67% dos xornalistas despedidos, seguido dos diarios (27,15%), a televisión (22,93%), os gratuítos (14,56%), os dixitais (1,28%), a radio (1,19%), e outros (0,18%). Por sexos a porcentaxe é do 51% de mulleres e 49% de homes.
Ante a actual situación o presidente da Asociación de la Prensa de Madrid, Fernando González Urbaneja, insistiu en que a prioridade para as asociacións debe ser “falar da crise e tratar de aproveitar o pouco peso que se delega nelas para ofrecer datos e argumentos”. Tamén destacou a necesidade de enviar aos editores unha mensaxe de colaboración para afrontar conxuntamente a crise e expresar ao goberno o descontento pola falta de sensibilidade que está a amosar ante os problemas da profesión, así como reclamar unha vez máis a necesidade dun Estatuto do xornalista, para o que é preciso “a unidade de todas as asociacións, colexios, e sindicatos que representan aos periodistas.”
Ademais a presidenta da FAPE, Magis Iglesias, aproveitou a Asemblea para amosar a súa solidariedade, en nome dos 15.000 xornalistas asociados aos que representa, cos traballadores do diario ABC afectados polo Expediente de Regulación do Emprego (ERE).
Precisamente, durante a celebración da Asamblea Xeral de FAPE tamén tivo lugar unha concentración convocada pola Federación Andaluza de la Prensa (FAAP) e a Asociación de la Prensa de Sevilla (APS) contra a precariedade nos medios de comunicación, onde a periodista Inmaculada Navarrete, despedida polo diario ABC de Sevilla, foi a encargada de ler o manifesto.
Deste xeito os xornalistas reclamaron ás autoridades públicas a posta en marcha de medidas para rematar co abuso laboral de numerosos medios de comunicación e a creación “dunhas condición laborais que garantan o elevado nivel de calidade esixible ao medios de comunicación e que garantan asemade a independencia total dos periodistas dignificando as súas condicións de traballo”.















