A FAPE crea unha Plataforma pola Defensa do Periodismo
A FAPE acordou na súa 68 Asemblea Xeral, celebrada os días 14 e 15 de marzo en Sevilla, a creación dunha Plataforma pola Defensa do Periodismo, integrada polas organizacións máis representativas da profesión. Esta célula de crise exclusivamente profesional deseñará unha estratexia de actuación para a supervivencia duns medios de información rigorosos, independentes e profesionais como condición indispensable para asegurar a pluralidade da sociedade á que serven e o exercicio responsable dunha democracia representativa.
A calidade deses medios será, á súa vez unha condición necesaria para garantir esa supervivencia, polo que a reestructuración dos medios provocada ou agravada pola crise actual nunca debe ir en detrimento da súa calidade. Precisamente, a calidade do producto dependerá do exercicio responsable dun xornalismo entendido como transmisión de información, análise e opinión elaborados baixo uns principios éticos e cun importante grao de valor engadido, algo que só poden proporcionar profesionais formados e con experiencia.
Por esta razón, segundo a FAPE, son preocupantes as regulacións de emprego que se están a producir na actualidade, e que ademais do grave problema laboral que xeran, poidan afectar á indispensable calidade dos productos informativos que ofrecen os medios na medida que os descapitalizan profesionalmente.
As citadas reestructuracións débense realizar non só tendo en conta a reducción dos seus custos para asegurar a súa viabilidade hoxe, senón a de abrir outras perspectivas de negocio nun escenario cambiante e aberto a novas oportunidades que ofrezan posibilidades de continuidade aos profesionais que deixen de ser necesarios no modelo actual. Os xornalistas deberán ter voz e influencia no deseño desas novas perspectivas empresariais.
Pola súa banda, tendo en conta que os medios de información saneados e independentes son absolutamente necesarios nun Estado de Dereito e garanten a pluralidade social e calidade democrática, o Estado debería abrir unha liña de axudas ás empresas de comunicación en crise, destinadas a financiar proxectos viables economicamente e respectuosos cos profesionais da información.
Asemade, á marxe destas consideracións, a FAPE solicita que ante a perda de empregos que se está a producir de xeito vertixinoso no sector, se adopten medidas inmediatas que deteñan a sangría antes de que esta se traduza nun deterioro irreversible da calidade dos propios medios e nunha ameaza certa para a súa supervivencia futura.
Entre as solucións concretas que a FAPE aporta para estes problemas atópanse:
Que o Goberno colabore coa defensa do xornalismo e preste atención preferente ao sector dos medios de comunicación como un sector estratéxico porque del depende a calidade da democracia. Considéranse necesarias as axudas públicas que demandan os empresarios pero pídese que se condicionen sempre ao mantemento dos postos de traballo dos xornalistas. A estes efectos parecen pertinentes iniciativas que fomenten a lectura de periódicos nas escolas e o establecemento de liñas de crédito para asegurar a súa subscrición de diarios e medidas similares para periodistas parados que decidan crear empresas de comunicación ou para periodistas autónomos.
Tamén, impulsar o Estatuto do xornalista para que poña en valor a calidade do traballo, as regras da profesión e a deontoloxía profesional. A FAPE reclama asemade o Estatuto do Editor, que impida a chegada ao sector de oportunistas e aproveitados.
As administracións públicas deberán contratar publicidade institucional só naqueles medios que cumpran coa lei laboral, a lei de igualdade e se comprometa na manter os postos de traballo dos xornalistas.
As empresas de comunicación deberán evitar a contratación de profesionais doutros sectores para desempeñar funcións que lles corresponden aos xornalistas.
Os editores deberán dar prioridade ao mantemento do emprego e da protección do talento acumulado e a experiencia, porque os despedimentos, prexubilacións, a precarización non son remedios senón todo o contrario: conducen ao peor, e á perda de confianza dos cidadáns. A resposta á crise é máis calidade profesional e non menos.
Os accionistas deberán reforzar os recursos propios e os medios, aportando diñeiro nun momento de necesidade para investir en bos proxectos de futuro.
Os anunciantes deberán apostar polos medios, pola súa pluralidade; para que eviten recortes drásticos e automáticos no gasto publicitario. Pídeselles que manteñan o gasto, que gasten ben, que primen a calidade profesional, que non financien lixo e que sosteñan a competencia, o espírito crítico, a responsabilidade social e o pluralismo.
Finalmente, os sindicatos deberán levar á Mesa do Diálogo Social a singular situación das empresas de comunicación con especial incidencia na defensa dos postos de traballo dedicados ao exercicio do xornalismo. Solicítaselles que antepoñan a defensa dos postos de traballo ás indemnizacións elevadas ou a incrementos salariais a curto prazo porque a prioridade agora é o nivel de emprego e a calidade profesional.















