Os xornalistas son a chave non o producto para acadar a liberdade de expresión
A presidenta da Asociación de Periodistas Francesas ofreceu hoxe unha charla en Santiago de Compostela con motivo do día da Liberdade de Expresión

A presidenta da Asociación de Periodistas Francesas, Isabelle Fougère ofreceu hoxe en Santiago unha conferencia con motivo do Día da Liberdade de Expresión, convidada pola Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) e a Agurpación de Mulleres Xornalistas de Santiago, na que analizou dende unha óptica feminina a consecución deste dereito internacional e na que destacou a responsabilidade dos xornalistas como instrumentos chave neste cometido.
Isabelle denunciou como unha das principais dificultades para realizar un bo traballo xornalístico a falta de medios e de tempo dos que dispoñen os xornalistas na actualidade. Así por exemplo falou do caso francés, recoñecido pola súa profesionalidade, e que agora segue unha política empresarial de reducción de gastos deixándose de traballar en terreo e optando por “copiar as noticias de outras axencias”. Esta foi unha das principais razóns que levou á francesa a abandonar hai 15 anos o seu traballo en redacción e converterse en free-lance. “ O traballo dos xornalistas é fora, non nas redaccións”, insistiu Fougère.
A situación da muller dentro da industria xornalística, segundo Isabelle Fougère, segue a ser de inferioridade é lembrou que aínda que a maioría das redaccións están hoxe en día formadas por mulleres, os postos directivos e altos cargos seguen a ser desempeñados por homes, polo que aínda que a nosa situación non é comparable con outras realidades “non se acadou o equilibrio” e “aínda queda moito por traballar”.
Asemade, no referente á información publicada que faga referencia á mulleres, a diferencia tamén é clara, “só un 18% das novas” inclúen á muller, de xeito que a metade da poboación mundial queda fora dos medios de comunicación e neste contexto “non se pode falar de liberdade de expresión”.















