A Asociación de Periodistas de Santiago convoca o I Certame e Xornada de Periodismo de Opinión
O certame pretende honrar o labor xornalístico do promotor da xeración de La Noche coa entrega do Premio Raimundo García Domínguez, Borobó
A Asociación entregará o premio na clausura da I Xornada sobre Periodismo de Opinión, que se celebrará en Compostela na segunda quincena de outubro
A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela convocou hoxe a 1ª edición do certame Raimundo García Domínguez, Borobó, que se abre o 10 de xullo de 2009, data que coincide co aniversario de nacemento do xornalista. O premio, cunha dotación de 4.000 euros, outorgarase ao autor dun artigo inédito na celebración da I Xornada sobre Periodismo de Opinión, que se desenvolverá na segunda quincena de outubro de 2009. O obxectivo deste certame é honrar a memoria e o labor periodístico do promotor da xeración de La Noche.
Na presentación do premio, o seu fillo Raimundo García Paz, xornalista tamén, sinalou que a creación deste premio polos seus colegas do xornalismo merecerá o agarimo eterno de seu pai. Raimundo García Paz fíxose eco do exemplo que deixou Borobó (Pontecesures, 1916 - Santiago de Compostela, 2003) no xornalismo compostelán, fundamentalmente durante a súa etapa en La Noche e El Correo Gallego, publicacións que dirixiu.
Raimundo García Domínguez, Borobó, mantivo en La Noche as páxinas literarias e universitarias nas que se deron a coñecer os novos escritores da chamada “Xeración de La Noche” e, ao mesmo tempo, contribuíu ao rexurdimento do galego a partir de mediada a década dos 40.
A través do desaparecido vespertino compostelán La Noche convertiuse nun extraordinario exemplo do periodismo cultural e literario, sobre todo a través dos seus “Anacos”, título da columna diaria que publicou durante dezanove anos. Estes “anacos” convértense en crónicas de diversos temas baseados na vida real e en noticias de actualidade.
En representación da Asociación de Periodistas de Santiago, Baldomero Cores Trasmonte subliñou que con este premio se lle ofrece “unha homenaxe viva e constante” a Borobó, que por moito tempo foi tamén membro da Asociación. Pola súa parte, o xornalista Benxamín Vázquez incidiu nas peculiaridades deste certame: o feito de ser un traballo inédito; a entrega do premio enmarcada na I Xornada de Periodismo de Opinión así como a remuneración económica (4.000 euros) que se lle concede “a unha xoia digna de ser premiada co nome de Raimundo García Domínguez”.
Bases do certame
Na primeira edición deste certame poderán participar persoas maiores de idade de calquera nacionalidade. O prazo de recepción dos artigos vai desde o 10 de xullo ata o 10 de outubro de 2009, ambas as dúas datas incluídas.
Cada participante pode entregar varios traballos, que deberá presentar por separado. Ademais, os artigos terán que ser orixinais e inéditos e deberán estar redactados en galego, de acordo coa normativa da Real Academia Galega. A temática é libre, aínda que no caso de empate, o fallo recaerá sobre o escrito que reflicta unha estreita vinculación entre Santiago de Compostela e Galicia, ou ben que trate sobre calquera aspecto compostelán.
I Xornada de Periodismo de Opinión
O xurado dará a coñecer o fallo do Premio na clausura da I Xornada de Periodismo que Opinión que se celebrará na segunda quincena de outubro de 2009. Nesta xornada intervirán destacados profesionais, convidados pola Asociación de Periodistas de Santiago, que se dedican a diversas vertentes da opinión periodística. Durante este evento tamén se procederá á lectura do artigo premiado.
Para máis información, pulse aquí e consulte as bases do premio.
















