A APSC congratúlase da absolución xudicial da periodista mexicana Lydia Cacho
A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) manifesta a súa satisfacción pola absolución da periodista mexicana Lydia Cacho, que fora demandada por publicar a historia dunha nena violada. O venres 21 de agosto de 2009, tras máis de dous anos de xuízo, a sentencia exoneraba á periodista da divulgación dunha investigación en que desvelaba unha rede de pornografía infantil e trata de menores en México.
Coa publicación de Los Demonios del Edén desatouse un escándalo político en México, xa que se inculpaba dos delitos de corrupción e pederastia a personalidades con importante responsabilidade pública. Debido a estas acusacións, a periodista foi secuestrada e encarcelada ilegalmente. Diante desta situación, a Fundación que leva o seu nome deu a coñecer ao mundo o caso Lydia Cacho, que tiña por obxectivo financiar o proceso de defensa xudicial no Tribunal Internacional de La Haya.
A APSC participou no seguimento do caso e organizou o pasado mes de xaneiro, en colaboración coa Fundación Lydia Cacho, un acto en Santiago de Compostela en defensa da periodista mexicana, ademais dun concerto benéfico en favor da fundación.















