Queda un mes de prazo para presentar traballos ao Premio Borobó
O prazo de presentación de traballos para o Premio Borobó finaliza o vindeiro 10 de outubro. O I Certame Raimundo García Domínguez, Borobó, ten unha dotación económica de 4.000 euros e nel poden participar persoas de calquera nacionalidade que nos fagan chegar os seus artigos de opinión antes da data establecida para o peche da convocatoria.
Os artigos teñen que ser inéditos, deberán estar redactados en lingua galega e a súa extensión estará comprendida entre os 2.200 e os 2.400 caracteres. Ademais do primeiro premio, 4.000 euros para o premiado ou premiada, tamén se obsequiará cunha peza que representa unha pluma de ouro. O xurado poderá conceder accésits a dous artigos finalistas facéndolle entrega aos seus autores de pezas semellantes en prata e bronce.















