A Federación Internacional de Periodistas (FIP) esixe a liberación do xornalista encarcerado en Guinea
A Federación Internacional de Periodistas (FIP) esíxelles ás autoridades de Guinea Ecuatorial a liberación do periodista Rodrigo Angüe Nguema, que está no cárcere desde hai máis de tres meses, acusado de “difamación”. O xornalista, corresponsal de Radio France Internationale e da axencia AFP ( Agence France Presse) foi encarcerado o pasado 17 de xuño despois de facerse eco dos rumores sobre a fuxida do país, cuns cinco millóns e medio de euros, de Mamadou Jaye, director de Ceiba Internacional, a compañía aérea nacional.
Varios colegas de profesión guineanos declararon que Rodrigo Angüe Nguema era o último xornalista independente que seguía traballando no interior do país. A FIP reitera a demanda de liberación incondicional para o xornalista e responsabiliza o goberno de Teodoro Obiang polos danos, morais e físicos, que poida sufrir.















