A APSC entregará o premio Borobó na I Xornada de Periodismo de Opinión, o día 24

Luís Menéndez, presidente da APSC e Benxamín Vázquez, coordinador do I Certame Raimundo García Domínguez, Borobó, durante a presentación dos trofeos.
A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela presentou esta mañá, no Club Internacional de Prensa, os trofeos que se lle entregarán ao gañador e finalistas do I Certame Raimundo García Domínguez, Borobó. Os trofeos son tres pezas que representan unha pluma de ouro, prata e bronce, para o primeiro premio e para os dous accésits respectivos.
Estas pezas foron deseñadas por Manuel Bouzas, un xoieiro e gran afeccionado á escultura. Os trofeos están inspirados no logotipo da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela e semellan “unha pluma un pouco esgallada, unha pluma ben usada”, segundo explica Benxamín Vázquez, coordinador do Certame.
Os premios entregaranse ao autor ou autora dun artigo inédito de opinión, redactado en galego, de temática libre. No caso de empate, valorarase aquel traballo que mellor reflicta unha estreita vinculación entre Santiago de Compostela e Galicia ou que trate sobre calquera aspecto compostelán. O prazo de envío de artigos está aberto ata o próximo 10 de outubro.
O fallo do xurado e máis a entrega de premios realizarase no marco da I Xornada de Periodismo de Opinión, que se vai celebrar o vindeiro 24 de outubro de 2009 no salón de actos da Fundación Caixa Galicia (Rúa do Vilar, nº 19) en Santiago de Compostela.
Nesta Xornada desenvolverase unha mesa redonda sobre xornalismo de opinión e na que intervirán Xavier Navaza, comentarista de temas políticos en El Correo Gallego; Xosé Luís Barreiro, columnista en La Voz de Galicia e politólogo; Magis Iglesias, redactora xefa da axencia Colpisa, cronista parlamentaria e presidenta da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE) e César Antonio Molina, profesor de periodismo na Universidad Carlos III de Madrid e ex ministro de Cultura.















