A Agrupación de Mulleres Xornalistas da APSC presenta un servizo médico para a detección precoz do cancro de mama
De esquerda a dereita, Nicolás Corzo; Manuel L. Torrente; Áurea Sánchez e Marcos Calvo
A Agrupación de Mulleres Xornalistas da Asociación de Periodistas de Santiago (APSC) presentou no Club Internacional de Prensa hoxe, xornada en que se conmemora o Día Mundial contra o Cancro de Mama, un novo servizo médico para a detección precoz do cancro de mama. Este servizo está destinado ás socias e a todas aquelas mulleres que estean no ámbito do convenio asinado con FAMEDIC, como son cónxuxes de asociados da APSC.
Segundo explicou Nicolás Corzo, delegado en Galicia de FAMEDIC, esta empresa de servizos sanitarios, en colaboración coa clínica Gaiás de Santiago de Compostela, entregará un bono para a realización dunha ecografía a todas aquelas persoas interesadas, que deberán poñerse en contacto coa APSC.
Áurea Sánchez, responsable da Agrupación de Mulleres Xornalistas sinalou que deste xeito se pretende desenvolver actividades “que promovan unha vida saudable e de prevención, así como a mellora dos servizos para as socias e mulleres de socios da APSC”. Pola súa parte, Manuel L.Torrente, presidente da Comisión de Servizos da APSC, indicou que desde a Asociación se pretende “traballar para a concienciación na loita contra o cancro”.
Con este obxectivo interviú na rolda Marcos Calvo, psicólogo da Asociación Española Contra el Cáncer en Santiago de Compostela, que destacou que o 80% das persoas que padecen cancro de mama superan a enfermidade. Marcos Calvo subliñou a importancia da realización de probas para a detección precoz coa finalidade de reducir esta porcentaxe. O psicólogo da AECC engadiu, tamén, que a idade recomendada para a campaña sitúase entre os 50 e os 64 anos, pero na prevención non hai límite de idade.
















