Actualidade APSC
A FAPE estuda as leis de transparencia informativa nos Estados Unidos
20-10-2009
Durante a estadía nos Estados Unidos houbo tempo para visitar diversos medios de comunicación. Na foto, Luís Menéndez conversando con Tom Torock, un dos editores do New York Times, na redacción do diario neoiorquino.
O membro da executiva de FAPE (Federación de Asociaciones de Periodistas de España) e presidente da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC), Luís Menéndez, está a rematar estes días unha estadía en Washington e Nova York formando parte dun grupo interdisciplinar español que está a estudar a implementación da Freedom of Information Act (FOIA) nos Estados Unidos. Esta lei, aprobada en 1966, é dunha importancia capital para os medios de comunicación e a sociedade estadounidense porque obriga á Administración a proporcionar información a calquera cidadán que o demande, como unha obriga oficial. En caso de denegación intervén a xustiza en favor do cidadán. Pero esta lei ten tamén os seus límites xa que hai aspectos que non son susceptibles de ser revelados, sobre todo os que atinxen á seguridade nacional. En calquera caso é fundamental para os medios de comunicación, xa que editores e xornalistas utilízana con frecuencia, aínda que non sempre con éxito, para recabar información dos arquivos oficiais ou dos departamentos de goberno.
















