A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela entrega o Premio Borobó ao xornalista Xavier Lama
Na lembranza a Borobó, de esquerda a dereita, Benxamín Vázquez, Emilio Lavandeira, Raimundo García Paz e Luís Menéndez.
• Benxamín Vázquez, coordinador do certame: “Borobó é a memoria viva do xornalismo galego, unha memoria que non pode morrer”
• Os ponentes da mesa redonda destacan a importancia da análise, do compromiso e da especialización no xornalismo de opinión
O xornalista Xavier Lama, autor do artigo Borobó contra Wallace Sousa, resultou gañador do I Certame Raimundo García Domínguez, Borobó, organizado pola Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela. Os dous accésits foron para Francisco Castro por Borobó, despedido e para Mercedes Gualteria Pintos Barreiro por Carta do alén. O primeiro premio, un cheque de 4.000 euros e máis unha peza que representa unha pluma de ouro, xunto cos dous accésits, que representan unha pluma de prata e bronce, respectivamente, entregáronse hoxe, 24 de outubro, durante a celebración da I Xornada de Periodismo de Opinión, que se desenvolveu na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago.
A primeira hora da xornada estivo dedicada á lembranza de Raimundo García Domínguez, Borobó, por parte de Benxamín Vázquez, coordinador do certame, quen destacou que “Borobó pretendeu trazar a verdadeira historia de Galicia nos dous xornais de Compostela (por El Correo Gallego e La Noche), cidade na que quería facer cerne da terra. Tiña memoria para falar de medio mundo –ou do mundo enteiro. Non esqueceu nin renunciou nunca ao seu ideario, socialista e galeguista. Borobó é a memoria viva do xornalismo galego, unha memoria que non pode morrer.”
Tamén participou na súa lembranza Emilio Lavandeira, xornalista gráfico da xeración de La Noche, quen, emocionado, destacou que Raimundo García Domínguez, Borobó, “conseguiu convertir La Noche nun periódico literario, nun ateneo cultural marabilloso.” Ademais de relatar diversas anécdotas durante a etapa de director dos dous xornais composteláns, salientou o extraordinario sentido do humor do homenaxeado.
Pola súa parte, Raimundo García Paz, fillo de Borobó e xornalista tamén de profesión, referiuse a seu pai como “unha persoa de infinita curiosidade que incitaba á reflexión sobre calquera acontecemento, motivo polo que sempre considerou que o xornalista debe ser un especialista en asuntos xerais, unha persoa todoterreo”. Finalmente, Luís Menéndez Villalva, presidente da APSC, manifestou que esta homenaxe “era unha débeda pendente por ese xornalismo inquedo, traballador e independente”.
Na mesa redonda sobre xornalismo de opinión, de esquerda a dereita, Xavier Navaza, Magis Iglesias, Rafael Cid, Xosé Luís Barreiro e César Antonio Molina.
Mesa redonda sobre xornalismo de opinión
Despois dos momentos de recordo de Borobó, desenvolveuse unha mesa redonda sobre xornalismo de opinión na que participou Magis Iglesias, presidenta da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE) e redactora xefa da axencia Colpisa. Magis Iglesias sinalou que “volver a Borobó é o segredo: o compromiso dos xornalistas nos medios é a supervivencia do xornalismo” e apostou por actitudes de “análise” para evitar a “nefasta ideoloxización da profesión.”
Xavier Navaza, columnista de El Correo Gallego, destacou na súa ponencia que o xornalismo de opinión “vai cara á crónica ampla, moi documentada, con mestura de xéneros, que permite facer a radiografía dun país nun momento determinado”, fronte a “unha declaración persoal e intransferible de opinión”.
O politólogo e columnista en La Voz de Galicia, Xosé Luís Barreiro, achegou as características que debe reunir o xornalismo de opinión e indicou que “independencia, sempre; neutralidade, nunca”. Destacou que hoxe en día predomina o “consarcinamento”, termo que empregou para referirse a “frases feitas que non comprometen a ninguén” e engadiu que o obxectivo da opinión non é compracer ao seu público, senón “provocar unha reflexión nos lectores, nos cidadáns.”
Desde o punto de vista cultural, César Antonio Molina, profesor de periodismo na Universidade Carlos III de Madrid e ex ministro de Cultura, salientou que nas páxinas de cultura “non hai persoas especializadas en facer crítica sobre a actividade cultural” e subliñou que o futuro do xornalismo pasa por “un xornalismo de opinión, con xente especializada e independente, de referencia, de responsabilidade nas súas firmas.”
Fallo do xurado

Durante a lectura do artigo gañador. De pé, Xavier Lama. Na mesa, de esquerda a dereita, Lucía Castro, Alfonso Cabaleiro, Xosé A. Sánchez Bugallo, Francisco López Rodríguez e Luís Menéndez.
Na clausura da I Xornada de Periodismo de Opinión procedeuse á lectura do fallo do xurado. Luís Menéndez, presidente da APSC, entregou o accésit de bronce a Mercedes Gualteria Pintos; Francisco López Rodríguez, director xeral de Promoción e Difusión da Cultura fixo entrega do accésit de prata a Francisco Castro e, por último, Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios entregou o primeiro premio a Xavier Lama.
Xosé A. Sanchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela, pechou a xornada co agradecemento polo labor de recuperación de grandes figuras do xornalismo moi relacionadas coa cidade, como é o caso de Raimundo García Domínguez, Borobó.
Puse aquí para ler o artigo gañador do primeiro premio: Borobó contra Wallace Souza, de Xavier Lama.

















