A liberdade de prensa retrocede no mundo
De esquerda a dereita: Mamen Gurruchaga, Alfonso Cabaleiro, Pedro Nolasco e Luís Menéndez na presentación do Informe Anual Mundial de Reporteiros sen Fronteiras, en Santiago de Compostela.
-
Presentado en Santiago o Informe Mundial de RSF
-
Foi entregado ao Presidente da Xunta, quen recibiu en audiencia a Reporteros sin Fronteras e a unha comisión da Asociación de Periodistas de Santiago
Santiago, 6.2.10.-As guerras e os procesos electorais son os acontecementos que máis risco comportan para o desenvolvemento do traballo dos xornalistas no mundo. Con respecto a pasados anos o Informe de 2009 elaborado por Reporteros sin Fronteras e presentado en Santiago constata un aumento do 26% de xornalistas asasinados e que, cun total de 76 durante o pasado ano, perderon a vida maioritariamente en Filipinas (33), Paquistán (5) Irak (4) e México (3). Asemade 33 xornalistas foron secuestrados, 573 detidos, 1456 agredidos e 157 tiveron que exiliarse. Os datos, feitos públicos por Mamen Gurruchaga, directiva de RSF-España revelaron un aumento moi considerable de bloggers e ciberdisidentes detidos, sobre todo en países afectados pola censura en Internet como China, Cuba ou Irán.
Na mesma presentación do Informe contouse coa testemuña de Pedro Nolasco, xornalista de Guinea Ecuatorial, quen tivo que fuxir forzosamente do seu país ameazado de morte porque era crítico contra o goberno de Teodoro Obiang. Nolasco, que vive exiliado en España desde hai oito anos, pormenorizou a súa dramática experiencia vital e a falla total de liberdade que existe no seu país, sen que os gobernos occidentais poidan deter a deriva do dictador guineano e os seus grupos. Para Nolasco os países desenvolvidos so teñen alí intereses económicos, fundamentalmente na extracción de hidrocarburos, sen preocuparse polos dereitos humanos.
O acto, que estivo organizado pola Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela, que preside Luís Menéndez, contou co apoio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, á fronte da que está o tamén xornalista Alfonso Cabaleiro quen resaltou a calidade do traballo de Reporteros sin Fronteras en favor da dignidade dos xornalistas e do seu labor que calificou de “fundamental para o desenvolvemento das sociedades democráticas”.
Posteriormente, os directivos de Reporteros sin Fronteras e unha comisión da directiva da Asociación de Periodistas de Santiago composta por Xulia Campo, X.F.Rodil, Rafael Cid e Luís Menéndez, foi recibida no Pazo de Raxoi polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a quen lle entregaron o Informe 2009 de RSF á vez que lle manifestaron as preocupacións máis importantes dos xornalistas nos tempos que vivimos, especialmente canto a crise económica. Neste sentido foille entregado un informe da FAPE (Federación de Asociacións de Periodistas de España), solicitado no seu día por Feijóo, para un plano de axudas á prensa que pivota na salvagarda dos postos de traballo dos xornalistas, na retirada dos anuncios pornográficos e na distribución de axudas e subvencións en base a proxectos finalistas e desenvolvemento tecnolóxico, lonxe de arbitrariedades ou componendas políticas.
















