O Congreso Europeo de Periodistas aproba unha moción da FAPE sobre a sentencia contra a Ser
A moción da FAPE en apoio aos periodistas da SER, Daniel Anido e Rodolfo Irago, que foron imputados por un delito de revelación de secretos, tivo o apoio unánime dos periodistas que durante esta fin de semana se reuniron en Estambul (Turquía) na General Meeting da Federación Europea de Xornalistas.
Un total de 75 delegados en representación de 38 países europeos criticaron a sentenza na que o xuíz do Xulgado de Instrución nº 1 de Madrid condenaba a ditos periodistas a 21 meses de inhabilitación e 46.000 euros de multa por difundir en 2003 na páxina web da SER unha lista de membros irregulares do Partido Popular, presuntamente relacionados con escándalos inmobiliarios e que se ían presentar ás eleccións locais.
O veredicto, que está en proceso de recurso ante a Audiencia, estivo baseado en que a información “en liña” non é considerada como medio de comunicación, e polo tanto non se pode aplicar o artigo 20 da Constitución española, que defende a liberdade de prensa a través dos “métodos tradicionais como prensa, radio e televisión”. Os xornalistas europeos, con Arne König á cabeza, expresaron duramente a súa oposición á mencionada sentenza e ás súas perversas consecuencias comparativas, xa que aseguran que “a liberdade de expresión debe existir a través de calquera tipo de plataforma informativa ou modo de transmisión”. König, que foi reelixido como presidente da Federación Europea de Xornalistas, prometeu novas iniciativas neste aspecto e solicitou a anulación da sentenza.
A moción foi defendida en Estambul polo delegado exterior da Xunta Directiva da FAPE, Luís Menéndez, que recibiu o apoio da delegada de CCOO, Silvia Tubio, como no seu día fixeron tamén os representantes dos periodistas españois integrados en UGT, ELA-STV e a Federación de Sindicatos de Periodistas.















