Actualidade APSC
A Asociación de Periodistas de Santiago rexeita e condena as declaracións do director de ABC
28-11-2011
A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) lamenta e rexeita de modo contundente as declaracións vertidas polo director do diario ABC, Bieito Rubido, quen dixo textualmente: “Sobran a metade dos periódicos, das emisoras de radio, das canles de televisión, e tamén a metade dos periodistas», pedindo ademais o peche das facultades de Ciencias da Información e de Comunicación.
A APSC considera estas declaracións irresponsables e totalmente inoportunas en momentos en que a profesión periodística, e mesmo o sentido social e democrático do xornalismo, está a atravesar unha grave crise que non só ten explicación por causas económicas.
A precariedade laboral, o intrusismo, a manipulación informativa e as presións políticas, económicas, e de todo tipo están a condicionar de xeito moi negativo e crecente a información e a liberdade de expresión en España e de modo especial en Galicia. Polo tanto na APSC cremos necesarios os centros universitarios de formación de periodistas, centros dos que o periodista non só saia cos axeitados coñecementos para o desempeño responsable da súa importante profesión, senón cunha rigorosa conciencia ética do que supón facer información e exercer o periodismo.















