Payday loans Car insurance

Actualidade APSC

A FAPE leva ao Consello de Europa a campaña #sinpreguntasnocobertura

28-01-2012

Jean-Claude Mignon, presidente da Asemblea do Consello comprométese a estudar e levar a campaña ao Pleno da organización extracomunitaria

• Elsa e Luís Menéndez na entrega do dossier #sinpreguntasnocobertura

• Con Jean-Claude Mignon e Fernanda Gabriel, President European Parliamentary Journalists´ Association of Council of Europe

A presidenta da Federación de Asociacións de Periodistas de España, Elsa González, e o delegado para as relación internacionais e presidente da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela, Luís Menéndez, acaban de presentar a campaña #sinpreguntasnocobertura ao presidente da Asemblea, Jean-Claude Mignon, que se comprometeu a levala ao Pleno do Consello de Europa. A FAPE dá un paso máis na batalla contra a práctica frecuente de ofrecer roldas de prensa nas que non se admiten preguntas.

A comitiva da Federación viaxou ata Estrasburgo para entregarle a Jean-Claude Mignon unha carpeta informativa sobre a campaña que documenta o malestar de profesionais e cidadáns ante o abuso dunha práctica prexudicial para a democracia. Despois de entrevistarse coa presidenta e co delegado para as relación internacionais da FAPE, Mignon celebrou un encontro con xornalistas de distintos países diante dos que gabou a iniciativa española.

Os representantes da FAPE mantiveron unha reunión con outros responsables do Consello, onde estiveron o director de comunicación da institución, Daniel Höltgen, o xefe da división de prensa, Jan Malinowski, e o secretario da Comisión de Cultura, Ciencia e Educación, Rudiger Dossow, que acolleron con grande interese a campaña.

#sinpreguntasnocobertura obtivo o apoio unánime da Federación Europea de Periodistas (FEP), co favor de 44 asociacións europeas, durante a última asamblea xeral da organización celebrada o pasado 17 de xuño en Belgrado.

Actualidade APSC

A APSC celebra o día do Patrón cunha homenaxe a Baldomero Cores e Xesús Garabal

26-01-2012

Fotos do Día do Patrón: Concello de Santiago

Organiza tamén unha conferencia coa xornalista e analista política Magis Iglesias

A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela acaba de celebrar este ano dous actos no día do Patrón dos Xornalistas, San Francisco de Sales. No salón noble do Concello de Santiago, baixo a presidencia do Alcalde Xerado Conde Roa, celebrouse un concorrido acto cidadán onde os ilustres socios da APSC, Baldomero Cores Trasmonte e Xesús Garabal Expósito, recibiron os títulos de “socios de honra” da APSC, unha distinción estipulada nos Estatutos para salientar toda unha vida de traballo exemplar na profesión periodística e na defensa dos intereses profesionais. O presidente da APSC, Luís Menéndez, leu as correspondentes laudatios dos homenaxeados destacando, no caso de Garabal, os seus anos de presidencia da Asociación da Prensa de Santiago, desde 1966 a 1980, nos que se destacou pola unha belixerante posición en defensa do carné periodista e da homologación na titulación. Pola súa parte, do xornalista, escritor, sociólogo e diplomático Baldomero Cores, enumerou a súa valiosa contribución para a cultura e a prensa de Galicia con numerosos estudos e publicacións  de alto rigor documental. O acto contou cunha ampla representación da profesión xornalista compostelá, edís e autoridades da cidade e as familias dos homenaxeados que participaron activamente coas palabras de agradecemento pronunciadas polas netas de Garabal e Cores, Mónica e Carola, respectivamente.

Por outra parte, a APSC, organizou tamén a conferencia “Unha nova lexislatura para un tempo distinto” que foi impartida por Magis Iglesias, compañeira xornalista, analista política en TVE e Cadena SER e ex-presidenta de FAPE. Magis, como experta en información política durante moitos anos na axencia Colpisa, aportou numerosos datos sobre a evolución política máis recente en España e as claves da configuración do novo goberno presidido por Mariano Rajoy. O acto, celebrado no Hostal dos Reis Católicos, contou cun público moi participativo que deu pé a un vivo debate posterior. Magis Iglesias tamén se referiu tanto aos vaticinios sobre o futuro económico español, como aos antecedentes da subida ao poder de Rajoy, temática esta última da que se cualificara como especialista despois da publicación do seu libro “La sucesión. La historia de cómo Aznar eligió a Mariano Rajoy”.

Actualidade APSC

Discurso coas laudatios dos homenaxeados, Baldomero Cores e Xesús Garabal

25-01-2012

SOCIOS DE HONRA DA APSC. Santiago 24 de Xaneiro de 2012

Excmo Sr.Alcalde de Compostela,

Autoridades,

Compañeiros e amigos todos,

Teño que dicirvos que estes días estiven mergullado na historia desta Asociación, lendo, relendo e anotando datos sobre todo o que os nosos predecesores fixeron desde os anos 60 ata comezos dos oitenta, é dicir, desde escuros tempos para a liberdade, e máis en concreto para a liberdade dos xornalistas, ata o alborexar dos tempos democráticos, cheos de anceios, dúbidas e non poucos problemas.

Os libros de Actas da nosa APSC –que vai cumprir axiña os seus 70 anos- son, estimado Alcalde, tamén historia de Santiago de Compostela. A través dos seus escritos refléxase un sentir, un latexar do ambiente social da nosa fermosa cidade. Tamén se intuía, “entre liñas” coma daquela se dicía, o que “non se podía dicir nin escribir”, arte no que moitos xornalistas foron mestres.  Por outra parte, quero subliñar a unión nas diferenzas que había daquela entre os xornalistas composteláns. Sobre todo canto a loita contra a adversidade e  penuria de tempos económicamente difíciles, case de sobrevivencia.  Moito peores que os de hoxe. Foi bó repasar a nosa historia xornalística, que consta escrita nas Actas desde 1945.

Daquela tamén se outorgaban títulos de socios de honra da APSC, sobre todo en símbolo de agradecemento a benfeitores dos socios e favorecedores da Asociación. E, en primeiro lugar, claro, estaban médicos como Angel Jorge Echeverri, Domingo García Sabell, Gumersindo Fontán, Manuel Puente Castro, o analista José Daporta  ou senlleiros persoeiros do mundo da profesión tan peculiares como foi Ramón Pola-Vacariza.

Co paso do tempo, e a reforma dos Estatutos, o título de Socio de Honra dáselle a aquel compañeiro socio que se destaca ao longo da súa carreira profesional, como ven de ler Rafael Cid, o secretario desta nosa asociación, que me honro en presidir. Así, por primeira vez, esta Directiva quixo homenaxear a dous compañeiros dos que paso a gabar unhas liñas entre o agradecemento, o respecto, a admiración e o cariño.

XESÚS GARABAL EXPÓSITO

Nesta Asociación, desde hai moito tempo, aí estaba Garabal. Don Jesús Garabal Expósito asinou varias ducias de Actas, primeiro como Secretario e despois como Presidente da Asociación da Prensa de Santiago de Compostela, ininterrumpidamente desde o 25 de xaneiro de 1966 ata 8 de febreiro de 1980, cando deu paso a outra directiva presidida polo tamén benquerido compañeiro Xabier Navaza.

Garabal e con el as Directivas que presidiu (entre as que estaban compañeiros históricos do xornalismo compostelán como Borobó, os irmáns Alvite, Pepe Fernández Ferreiro, Manuel Suárez Serantes “Panurgo”, Angel Botana, Diego Bernal, Manolo Paz, Baldomero Cores, e máis tarde outra pleaide de compañeiros máis novos como Luís Alvarez Pousa, Margarita Ledo, Ánxel Vence, Agustín Díaz, Miguel Bóo, Troitiño, e o propio Benxamín Vázquez (ponte entre as dúas xeracións e a aquí presente, a quen debo o rigor destas notas e o favor da sua memoria “histórica”), digo que Garabal tivo nos anos da súa presidencia dúas teimas fundamentais: primeira, e clarísima, a defensa do carné e título de xornalista, daquela expedido pola Escola Oficial de Xornalismo e posteriormente polas Facultades de Ciencias da Información e, consecuentemente, a inscrición dos seus membros no ROP (Rexistro Oficial de Periodistas).

Son moitas as apelacións contra do intrusismo que xa existían  daquela no orbe xornalístico, onde moitas veces calquera –normalmente apoiado por longas e parciais mans- podería exercer este nobre oficio. Xesús Garabal foi neste punto belixerante e defensor acérrimo do carné de xornalista, que logo se viu homologado coa licenciatura. Seica, benquerido Jesús, había moitos problemas sobre todo por delegacións e corresponsalías. Déixame dicirche que se esta Asociación pervive hoxe é, fundamentalmente, pola teima que ti defendiches con tanto ardor, e que nós secundamos hoxe, con algunha puntual excepción canto a homologación profesional, seguindo os Estatutos de FAPE e os nosos propios.

Outra das teimas nas que se debatían nas diferentes Directivas que presidiu Jesús Garabal foron os problemas socio-laborais dos colegas. Velaí, efectivamente, a partir sobre todo dos anos 67 e 68, quizais cando había xa algúns tímidos ocos de aperturismo, eran constantes as denuncias contra os abusivos horarios de traballo, un salarios indignos, falla de vacacións, etc. Seica un día veu por alí un señor de sindicatos –supoño que cun bigotiño mínimamente rectangular- a dicir que a materia sindical non era do ámbito dunha asociación profesional e que os asinantes daquela se ativeran ás consecuencias…. Que medo. Con todo, a Asociación da Prensa estivo en primeira liña nos conflitos en defensa dos compañeiros, como foi, por exemplo, nos chamados “expedientes de crise”, ou nos asuntos mutualistas… desde os descontos ao 50% nos dentistas, nos remedios das farmacias, as becas para os fillos, as pólizas de seguros, e mesmo houbo intentos de facer –alá por Rianxo- unha “cidade dos xornalistas” para vacacións, cuns predios e chalets, que quedaron máis nun soño ca nunha  realidade construtiva… É a partir dos anos 70 cando se toma máis conciencia dos problemas relativos ao ámbito profesional como a cláusula de conciencia, o  desenvolvemento da chamada Lei de Prensa, a Lei Fraga e a elaboración dun Estatuto da Profesión, no que –madia leva- aínda andamos.

O presidente Garabal ía ás asembleas de FAPE custeando do seu peto, non había un real na asociación, as cotas de 10 pesetas ao mes a pouco chegaban (APS só conseguía algún beneficio cando organizaba os famosos trofeos de fútbol entre equipos galegos, e chegaron a facer máis 12 edicións!) Dicía que Garabal levou a representanción da Asociación da Prensa de Santiago, entre outras cidades españolas, a Madrid, León, Sevilla, Zaragoza, onde había asembleas federais, e viña con aires renovados que lles transmitía aos colegas composteláns.

O dilatado transcorrer  de Jesús Garabal no xornalismo deu tamén cun acerto, do que moitos non se decatan distraídos na súa dispersión: a especialización. Ninguén como Garabal para saber dese ricaz mundo gandeiro e campesiño que cada xoves enchía Compostela, e daba conta nas páxinas de El Correo Gallego.  Refírome ao mercado de gando, desde os tempos que se celebraba en Santa Susana ata que se trasladou a Salgueiriños, logo a Amio e seica agora o hinterland de Silleda… Ese mundo de altísimo valor etnográfico, cerne do noso ser naturalmente rural, propiedade da personalidade de Compostela (da que Otero Pedraio, que por certo fora designado Presidente de Honra da Asociación dixera un día, en frase xa instalada, que “era a aldea grande de Galicia e maior de Europa e na que os nosos paisanos non se sentían “nin cohibidos nin alarmados”, como relatara nunha entrevista no Ideal Gallego a Benxamín Vázquez). Por tanto ese mundo viviuno Garabal en primeira persoa e ninguén como el para estar ao tanto das transaccións que alí se facían, as chiscadelas nos tratos, a retranca dos tratantes coa sua aguillada en riste, ou os callos do mediodía. Garabal trasladou todos eses coñecementos a un excelente e voluminoso traballo de licenciatura, que estivo dirixido polo prestixioso profesor Enrique de Aguinaga.

Quero dicirche benquerido Jesús, en nome de todos os compañeiros da Asociación, e se me permite o Alcalde, dun sinnúmero de habitantes desta cidade, que estamos orgullosos da túas contribucións profesionais, e que nos sabemos debedores dos teus desvelos pola dignidade desta, por desgraza, cada vez máis desprestixiada profesión nunha sociedade onde semella que os parámetros nos que se move son alleos aos principios de ben esencial, valor democrático e principio constitucional como é a liberdade de prensa e o libre exercicio do xornalismo.

Por todo isto queremos agasallarte cunha praca na que levas o título de Honra desta que é túa Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela… Noraboa, para ti e a túa numerosa e encantadora familia. Moitas grazas.

BALDOMERO CORES TRASMONTE

Teño que vos dicir que deste infatigable xornalista, compañeiro desta Directiva da APSC, escritor, documentalista, sociólogo, diplomático, doutor en Dereito e esculcador de senlleiras figuras do pasado cultural galego, que se chama Baldomero Cores Trasmonte, nado no fondo da rada ou seo de Corcubión, na vila de Cee, contados saben con detalle da súa poliédrica, multifacética e ricaz traxectoria profesional. Galicia, a súa cultura e a súa prensa, débelle moito a Baldomero.

Seguindo o ronsel da chamada prensa galega de ida e volta, oceánica, tan fundamental na nosa historia con nomes como Lugrís Freire, Curros Enríquez, Álvarez Ínsua, Fontenla Leal, ou o propio Blanco Amor, Baldomero  recibiu tamén os aires americanos en Porto Rico onde foi Catedrático de socioloxía e impartiu aulas na Universidade de Mayagüez, ese fermoso nome taíno, desde 1968 ata 1983. Desde aquel Estado libre asociado, con aires caribeños –nos que non se desbotan os tifóns tropicais-  e impronta de cultura española –con marcado acento isleño, e dicir, canario- ,  impartiu doutrina, abriu ollos ao mundo, pero endexamais deixou de facelo pensando, matinando, traballando por Galicia, a súa e a nosa terra. Como exemplo, revelarei que Baldomero organizou sempre Día das Letras Galegas, e así cada 17 de maio, alí en Mayagüez, no medio do Caribe non faltaban nin as actividades culturais de lembranza nin, como non, a romería galega onde non escaseaba nin o caldo nin o pulpo á feira. Habería que imaxinalo…

Para os xornalistas que andamos na cincuentena Baldomero era o señor letrado que estaba sentado na mesa presidencial do Parlamento de Galicia, a carón do presidente Antón Rosón, e outros membros como Olives Quintás, Moure Mariño e González Amadiós o inesquecible “Panchulo”…,  Isto foi aquí mesmo ao lado, no artesonado salón de Fonseca, nos inicios autonómicos que comezaron en Xelmírez, e que foron alicerces da nosa Galicia máis actual para os que Baldomero Cores proporcionou como letrado a masa fundamental para a súa sólidez constructiva con libros sobre o Estatuto de Galicia, Socioloxía de Galicia, Dereito autonómico de Galicia, a “Constitución da Galeguidade”,  e sobre todo “Los símbolos gallegos”..

Pero antes Baldomero escribira tamén dúas pezas claves do arco socio-electoral galego: “La devolucion de Galicia, el estatuto ayer y hoy”, e por riba de todo “O libro negro da Galicia electoral” na que o noso benquerido homenaxeado se rebelaba ás veces ata con furia incontida e valente en contra das inxustizas, o caciquismo e os abusos que secularmente sufriu o noso pobo nos tristemente recordados “pucheirazos” e outras canalladas políticas.

Pero do seu espírito ilustrado, porque Baldomero semella un enciclopedista decimonónico e peripatético fóra deste tempo de futilidades, agromaron numerosos traballos nos que nos clarexou escuridades e esquecementos de fundamentais homes da nosa historia e da nosa ciencia como sen dúbida foi o incomprendido Ramón de la Sagra, o malogrado Ramon Suárez Picallo, o republicano e autonomista pontevedrés Enrique Rajoy Leloup (avó do actual presidente do goberno de España), o esencial xeográfo que para Galicia foi Domingo Fontán e o brilantísimo e sagaz xornalista compostelán Alfredo Vicenti, do que tivemos a honra –recentemente- de presentar e auspiciar a súa biografía, magnificamente elaborada por Baldomero.

Desde sempre Baldomero Cores é unha sinatura ilustre, de referencia e rigor, nas páxinas dos diarios galegos. Foino nalgúns de emblemática recordación como “La Noche” de Santiago ou “El pueblo Gallego” de Vigo, e é en xornais tan familiares e cotiáns para nós como “La Voz de Galicia” (no que foi o primeiro delegado de Santiago), “El Correo Gallego” ou  “Faro de Vigo”. Pero alén da prensa mais próxima, Baldomero, gran experto en asuntos sociolóxicos, publicou en revistas especializadas como a portorriqueña “Atenea”,  ou a relevante “Revista de Letras” e colaborou no “Diccionario de Ciencias Sociales”. No ámbito socio-político non hai que esquecer tamén que a súa tese doutoural levou por título “Comunidad y sociedad de las ideologías políticas del siglo XIX español”. Pero Baldomero non só está nas alturas científicas e na esculca da alta documentación histórica senón tamén é fino escribidor a pé de rúa con crónicas cidadáns entrañables desta cidade, nas que non lle falta a súa ironía de perspicaz galego, en sección como “Platerías” e máis nos nosos días, “Entremurallas”, onde tan axiña nos fala de rivalidades futbolísticas, a fisonomía do balbordo  taberneiro do Franco, as picarescas estudiantís coas Marías, ou sen máis o devalar do tempo e os aconteceres nas rúas e prazas deste burgo marabilloso que habitamos e coñecido en todo o mundo polos camiños dos homes e da literatura.

Benquerido Baldomero, socio desta Asociacion desde  1966 –que tamén te vin nas Actas- é un verdadeiro orgullo para todos nós, os teus compañeiros tanto da Directiva como de toda a membresía, outorgarche o título (por se tiveras poucos…) de Socio de Honra da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela. O teu quefacer incansable, os teus principios humanísticos e morais na defensa da nosa profesión e da cultura de Galicia, son todos eles exemplo para os que te queremos e te admiramos. Noraboas para ti e a túa marabillosa familia, e moitisimas grazas.

Actualidade APSC

Sen xornalistas non hai xornalismo

12-01-2012

- A FAPE advirte no seu manifesto para 2012 que unha profesión descapitalizada afecta directamente ás bases da democracia

- A Federación considera urxente un plan de axudas á prensa, condicionado ao mantemento do emprego e a que queden excluídos aqueles medios que publican anuncios de prostitución

Pulse aquí para ler o manifesto

A Federación de Asociacións de Periodistas de España lanzou o seu manifesto de demandas e propósitos para 2012, especialmente centrados na recuperación do emprego, tralo peche dun ano negro para o xornalismo. Os datos do Observatorio da Crise da FAPE, en funcionamento desde novembro de 2008, ilustran perfectamente a dimensión da crise: o número de empregos perdidos no sector xornalístico ascende a 4.827 a comezos deste ano. Nunha época na que as cifras se converten en símbolos dunha situación, é previsible que este rexistro acade pronto os 5.000 postos destruídos.

Segundo a FAPE, os editores aproveitan a conxuntura para prescindir dos xornalistas máis experimentados, co fin de sustituílos por bolseiros e recén licenciados, aos que lles pagan salarios indignos, impoñéndolles a cesión dos dereitos de autor.

Nesta situación, a Federación pídelle ao Goberno que tome conciencia de que o afundimento da prensa afecta directamente aos cimentos da democracia. A FAPE considera urxente un plan de axudas á prensa, condicionado ao mantemento do emprego, e de que queden excluídos aqueles medios que publican anuncios de prostitución por atentar contra a dignidade das persoas. A tal efecto, a Federación propón constituír unha mesa promovida polo Executivo na que participen representantes do Goberno, asociación de editores, sindicatos e organización profesionais para discutir as axudas.

[Pulsa para ler o resto da noticia]

Actualidade APSC

600 euros para o certame xornalístico Dora Vázquez

07-01-2012

O concello de Arteixo convoca a décima edición deste certame que este ano leva por tema “Muller e deporte”. Poden participar todas as persoas que o desexen cun artigo de opinión inédito, único e orixinal escrito en galego. O prazo de presentacion de orixinais remata o 31 de xaneiro de 2012. A persoa gañadora recibirá 600 euros e mais a publicación do seu artigo en varios xornais galegos.

Para máis información, pulse aquí e consulte as bases.

Actualidade APSC

Cartas inéditas de Borobó sobre a condición xornalística

02-01-2012

A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela  grazas a colaboración do xornalista e escritor Raimundo García, fillo do ilustre xornalista e director de “La Noche” Raimundo García Dominguez (Borobó), quere dar a coñecer dúas cartas inéditas, dirixidas precisamente ao seu fillo xornalista, no ano 1978, e nas que fala da vocación xornalística. Polo seu interese e mesmo a súa vixencia, na APSC decidimos difundilas tamén como un tributo máis ás ensinanzas que nos legou o que foi gran mestre de xornalistas galegos e a quen a APSC ten contribuído a honrar a súa memoria, vida e obra co Premio Borobó, de xornalismo de opinión.

[Pulsa para ler o resto da noticia]

 
 

Atópanos en Facebook

Atópanos en Facebook
 
 
Xaneiro 2012
D L M M X V S
« Dec   Feb »
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031  
 
 
As?ciate
 
Bolsa de emprego FAPE
 
 
 
 
Premio Borobo
 
 
 
Cartas de Borobó
Talaso Talaso
Portomeloxo

 

Convenio Portomeloxo
 
Gu?a de servizos e promoci?ns
 
Espello
Agrupaci?n de mulleres xornalistas
 
 
FAPE
 
FEGAPE
 
FIP
 
RSF
 


Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela - Se tés algunha suxerencia, avísanos en apsantiagoc@hotmail.com
Os contidos están baixo licenza Creative Commons 3.0salvo que se indique o contrario
Páxina web realizada con Wordpress.