Actualidade APSC
A APSC celebra o día do Patrón cunha homenaxe a Baldomero Cores e Xesús Garabal
26-01-2012
Fotos do Día do Patrón: Concello de Santiago
Organiza tamén unha conferencia coa xornalista e analista política Magis Iglesias
A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela acaba de celebrar este ano dous actos no día do Patrón dos Xornalistas, San Francisco de Sales. No salón noble do Concello de Santiago, baixo a presidencia do Alcalde Xerado Conde Roa, celebrouse un concorrido acto cidadán onde os ilustres socios da APSC, Baldomero Cores Trasmonte e Xesús Garabal Expósito, recibiron os títulos de “socios de honra” da APSC, unha distinción estipulada nos Estatutos para salientar toda unha vida de traballo exemplar na profesión periodística e na defensa dos intereses profesionais. O presidente da APSC, Luís Menéndez, leu as correspondentes laudatios dos homenaxeados destacando, no caso de Garabal, os seus anos de presidencia da Asociación da Prensa de Santiago, desde 1966 a 1980, nos que se destacou pola unha belixerante posición en defensa do carné periodista e da homologación na titulación. Pola súa parte, do xornalista, escritor, sociólogo e diplomático Baldomero Cores, enumerou a súa valiosa contribución para a cultura e a prensa de Galicia con numerosos estudos e publicacións de alto rigor documental. O acto contou cunha ampla representación da profesión xornalista compostelá, edís e autoridades da cidade e as familias dos homenaxeados que participaron activamente coas palabras de agradecemento pronunciadas polas netas de Garabal e Cores, Mónica e Carola, respectivamente.
Por outra parte, a APSC, organizou tamén a conferencia “Unha nova lexislatura para un tempo distinto” que foi impartida por Magis Iglesias, compañeira xornalista, analista política en TVE e Cadena SER e ex-presidenta de FAPE. Magis, como experta en información política durante moitos anos na axencia Colpisa, aportou numerosos datos sobre a evolución política máis recente en España e as claves da configuración do novo goberno presidido por Mariano Rajoy. O acto, celebrado no Hostal dos Reis Católicos, contou cun público moi participativo que deu pé a un vivo debate posterior. Magis Iglesias tamén se referiu tanto aos vaticinios sobre o futuro económico español, como aos antecedentes da subida ao poder de Rajoy, temática esta última da que se cualificara como especialista despois da publicación do seu libro “La sucesión. La historia de cómo Aznar eligió a Mariano Rajoy”.

























