O período de goberno da Xunta directiva é de catro anos, sendo susceptible de reelección en Asemblea Xeral. Nesta etapa, está formada polos seguintes profesionais.
PRESIDENTE
Luís Menéndez Villalva
(Ourense, 1959). Licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid (1976-81). Traballou en La Región, El Ideal Gallego, Radio Galicia (SER) e Televisión de Galicia, amén de numerosas colaboracións en distintos xornais, revistas e axencias de noticias. Especialista en documentais de viaxes.
Dirixiu programas como “Galicia no Mundo”, “Europa”, “Galeguidade”, “Terras de Merlín” ,”Terras do Leste” e “Terras de Acolá”. Premios: “TP” a programas informativos (1989), “Alvaro Cunqueiro” para escritores e xornalistas (1983) e “Premio Galicia de Xornalismo” (1990) e “José Aurelio Carracedo” (2004). Ten publicado “Toda a Terra é dos Homes (Galaxia 93) e “Vida e Viaxes na Galeguidade” (Xunta de Galicia 96).
VICEPRESIDENTE
José Francisco Rodil Lombardía
(Santa Eulalia de Oscos, 1953). Licenciouse en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou nos diarios Informaciones e El Correo Gallego e permaneceu vinculado á Televisión de Galicia (TVG), da que foi director entre xaneiro de 1990 e xullo de 1994.
Foi xefe de control de cadea da mesma emisora e programador da súa canle internacional. Foi galardoado co “Premio Galicia de Periodismo” (1989) e autor do libro “Sin Máscara. Relatos de periodismo de camuflaje” (1989). Exerceu como director do diario ovetense La Voz de Asturias ata o ano 2002.
TESOUREIRA
Áurea Sánchez
Licenciada en Ciencias da Información, rama Periodismo, pola Universidade Complutense de Madrid.
Foi corresponsal do periódico La Vanguardia. Traballou na redacción de Radio Galicia-Cadena Ser, formou parte do equipo fundador da Radio Galega e traballou en Televisión Española en Galicia. Colabora coa Rede Europea de Mulleres Xornalistas e a revista galega de pensamento feminista Andaina.
Como representante da Asociación de Periodistas de Santiago, asistiu aos encontros de mulleres xornalistas de Granada, Madrid e Cádiz e forma parte da Agrupación de Mulleres Xornalistas da Asociación de Periodistas de Santiago no cargo de vicepresidenta.
SECRETARIO
Rafael Cid Fernández
(Tamagos; Verín, Ourense, 1961), Licenciado en Filoloxía Hispánica e tamén en Filoloxía Galaico-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela e en Xornalismo pola Universidad de Navarra.
Realizou prácticas en La Voz de Galicia , xornal no que posteriormente colaborou, así como con La Región. Traballou en Televisión de Galicia e no Centro Territorial de Galicia de TVE, onde foi xefe de Programas e Informativos e onde actualmente é editor de informativos.
Guionizou e dirixiu o documental “Carrilanos, os túneles dun tempo” sobre a construcción do ferrocarril entre Puebla de Sanabria e Ourense que mereceu varios premios. Sobre o mesmo tema publicou (en Edicións Xerais) un libro, que inclúe DVD co documental. Da súa autoría é outro documental, “Queda alguén aí?”, sobre a perda de poboación no rural.
Foi profesor asociado de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
VOGAIS
Baldomero Cores Trasmonte
Natural do concello de Cee, trasladouse a Santiago de Compostela aos dez anos de idade, alí cursou dereito na Universidade de Santiago de Compostela, e en Madrid estudou políticas na Universidade Central, foi profesor de socioloxía na Facultade de Ciencias Políticas da Complutense e catedrático de socioloxía na Universidade de Porto Rico (1968-1983). Colaborou en numerosos medios xornais como La Noche, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, e El Correo Gallego.
Entre as súas numerosas obras podemos citar”Sociología rural de Galicia”, (1973), “La sociedad incompleta: el drama de la capitalidad en Galicia”’ (1981), “‘Enrique Rajoy Leloup: un protagonista do autonomismo galego” (2005) o “Domingo Fontán No Parlamento” (2008).
Xulia Campo Vázquez
En 1990 incorpórase como Redactora ós Servizos Informativos da Televisión de Galicia (TVG)
Na actualidade, e desde 2004, é Directora e Presentadora da sección local da área de Santiago de Compostela nos informativos. Nesta televisión autonómica dirixiu e editou diversos especiais dos servizos informativos, os programas agrarios “O Agro” e “Labranza”, o informativo “A Revista” , o informativo matinal “Bos Días” e “Galicia Directo”.
Ó mesmo tempo, de 1992 a 1995 foi redactora xefa da revista especializada “Agricultura”.
Desde 2006, pertence á Directiva da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela, onde foi Secretaria e na actualidade ocupa o cargo de Vogal. Ademais é fundadora da Agrupación de Mulleres Xornalistas da APSC (AMX) dentro da Asociación de Periodistas.
Juan Salgado
(Vilar de Barrio, Ourense, 1950) Ingresou como colaborador de prensa en La Voz de Galicia, xornal do que foi redactor na súa Delegación en Santiago de Compostela (1974-1977)
Actual subdirector de El Correo Gallego, onde entrou en 1976 e do que é Defensor do Lector desde decembro de 2004. Director do semanario Terras de Santiago.
Desde 1991 e ata 2006 foi o responsable de edición do Anuario que publica El Correo Gallego e responsable da edición da “Guía cidadá do Concello de Santiago” en 2003 e 2006.
Premio Galicia de Comunicación (1999) á mellor traxectoria profesional en prensa escrita. Foi gañador do primeiro premio nos concursos “Juan de San Clemente” (1972) e “Centro Galego de Baracaldo” (1973) na modalidade de contos.
Joel Rodríguez Gómez
(Ourense, 1959). Xornalista en exercicio en La Voz de Galicia, cursou estudos de Filoloxía Portuguesa e Filosofía e Ciencias da Educación. Pertence á APSC dende 1985.
En La Voz de Galicia é responsable de temas relacionados coa saúde. Forma parte do Grupo de Investigación Galabra da Universidade de Compostela. Destaca o XI Premio Periodístico Albarelo que lle concederon polo seu traballo Remedios a la medida de cada enfermo.
Carolina Carballedo Penelas 
Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago é redactora do semanario gratuíto Santiagosiete desde setembro de 2007.
Previamente desenvolveu o seu labor profesional no gabinete de prensa da Universidade de Vigo, onde tamén realizaba tarefas de redacción para o diario dixital da institución.
Tamén formou parte das redaccións da sección Galicia do diario 20 minutos, de El Correo Gallego (delegación de A Coruña), de El Ideal Gallego e da Agencia EFE en Santiago.















