O 23 de Xaneiro cara a noitiña era cando se anunciara a entrada do Klaus coma case sempre desde o sueste, con ventos que ían superar os 180 quilómetros por hora e choiva desta terrible, que fere verticalmente, coma se foran agullas xeadas. Non había paraugas que resistira. O que nos faltaba. Despois das nevaradas, este temporal. Verdadeiramente estabamos a vivir un inverno “caroal”, coma dicían os vellos noutrora.
No aeroporto tres compañeiros da Asociación agardabamos pola chegada do avión de Barcelona, con serias dúbidas de se lograría aterrar. Na megafonía plurilingüe galego-castelán-inglés anunciaban cancelacións para as chegadas e autobuses para as saídas entre o fastío dos viaxeiros. Pero a aeronave na que viña a nosa convidada para o Día do Patrón surcaba feliz as depresións atmosféricas e conseguía chegar o seu destino compostelán. Comezaron a saír as xentes co susto aínda no corpo: facianas descoradas, xestos esvaídos, conversas altisoantes liberadoras das tensións, abrazos de alivio… Cara ó final chegou ela, tranquila, tirando do seu carriño, e despois das benvidas, preguntámoslle, claro, polo voo:
-Pues no me enteré de nada… Fui durmiendo todo el tiempo. Debió ser movidito porque la gente, que estaba muy nerviosa, aplaudió mucho al llegar….
Así é a Calaf. Rosa María. A auténtica, a do pelo vermello, ollos espelidos, vitalidade absoluta… Risa, sentido do humor, moitas palabras… ¡Miña nai ó que ten que ter vivído esta muller!, dixéranme Áurea e Xan, meus colegas, despois da súa sempar reacción tralo merekumbé da viaxe. De feito, si, foi o derradeiro avión antes de pechar o aeroporto.
Tamén viña de dar case cabo ao derradeiro traballo xornalístico para a televisión pública na que traballou desde hai 38 anos: unha reportaxe sobre a piratería e o malfadado clima social de Filipinas. Agora tocaba retirarse. O caso de Rosa María Calaf é unha das maiores desfeitas provocadas por un ERE que, feito por matemáticos descoñecedores absolutos dunha profesión que non ten idades nen prazos, desaproveitou o mellor valor quizais do xornalismo: a experiencia. E a da Calaf, turbillón de sabedoría internacional, é das que fan época. Correspondente nos intres máis oportunos: Washington coa fin da guerra fría, Moscova coa perestroika e a caída do Muro, Bos Aires coa democracia, Hong Kong “cun país dous sistemas”, Pequín cos Olímpicos, Canadá, Roma, Viena…. E o outro día preguntáronlle no INEM, despois de sacar o ticket da cola, trámite obriga, que qué é o que sabía facer…
A Calaf sabe de xornalismo. Pero lonxe. Con distancias. Afastada das miudezas que enredan políticos logreiros, funcionarios palanganas, enfrascadores da tribo “curtoprazista” con promesas de carghiños, compromisos arredor dunha boa mesa, ambiente rifeiro daquí e dacolá… Á Calaf o que lle gusta é chamar ao editor nunha tarde de domingo e dicirlle que cambie o inserto do alcalde polo do misioneiro, que poña o plano panorámico da baía de Sarangani, maldicir –iso si, moi educadamente- ao cámara por no ter gravado comme il faut a persecución policial…. Á Calaf o que lle gusta é contrastar experiencias comúns en lugares remotos: un té con Xanana Gusmâo en Timor Leste, esquecer coas presas a “maleta de conflitos” cando vas cubrir un terremoto en Indonesia, a pneumonía atípica que ao final nen era pneumonía nen era tan atípica, o frío nas montañas de Afganistán, e os momentos, claro, perigosos, que sempre hai…:
-“Madam, should be better for you go away inmediatly” díxolle nada menos que un polícia cómplice do terror, minutos antes de que estoupara unha bomba nun mercado ao sur da illa de Mindanao….
¿E agora qué? ¿A vexetar, a vivir do Estado? Non, ela non pode ficar queda, estantía. Sí, vai visitar con calma os amigos –Bos Aires, Bos Aires- cos que non puido apenas compartir moito debido ao ruxe-ruxe desta profesión por veces endiañada. Tamén a destilar todo o vivído para transmitirllelo as novas xeracións de xornalistas se queren, claro, escoitar a alguén que ten moito que dicir.
Cando a vín desaparecer polo embarque, despois das apertas, aínda pegou no telemóbel, coma dín os portugueses, para dicirlle ao editor que nun par de horas estaba con él na cabina e para lamentarse de novo do mal que funcionaban os micros sen fíos porque -¡que fastidio!- botaran ao traste con dúas das mellores entradiñas….
Adeus Rosa María Calaf, compañeira. Volve axiña.
Luís Menéndez Villalva. Xornalista.
Presidente Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela.















