SOCIOS DE HONRA DA APSC. Santiago 24 de Xaneiro de 2012
Excmo Sr.Alcalde de Compostela,
Autoridades,
Compañeiros e amigos todos,
Teño que dicirvos que estes días estiven mergullado na historia desta Asociación, lendo, relendo e anotando datos sobre todo o que os nosos predecesores fixeron desde os anos 60 ata comezos dos oitenta, é dicir, desde escuros tempos para a liberdade, e máis en concreto para a liberdade dos xornalistas, ata o alborexar dos tempos democráticos, cheos de anceios, dúbidas e non poucos problemas.
Os libros de Actas da nosa APSC –que vai cumprir axiña os seus 70 anos- son, estimado Alcalde, tamén historia de Santiago de Compostela. A través dos seus escritos refléxase un sentir, un latexar do ambiente social da nosa fermosa cidade. Tamén se intuía, “entre liñas” coma daquela se dicía, o que “non se podía dicir nin escribir”, arte no que moitos xornalistas foron mestres. Por outra parte, quero subliñar a unión nas diferenzas que había daquela entre os xornalistas composteláns. Sobre todo canto a loita contra a adversidade e penuria de tempos económicamente difíciles, case de sobrevivencia. Moito peores que os de hoxe. Foi bó repasar a nosa historia xornalística, que consta escrita nas Actas desde 1945.
Daquela tamén se outorgaban títulos de socios de honra da APSC, sobre todo en símbolo de agradecemento a benfeitores dos socios e favorecedores da Asociación. E, en primeiro lugar, claro, estaban médicos como Angel Jorge Echeverri, Domingo García Sabell, Gumersindo Fontán, Manuel Puente Castro, o analista José Daporta ou senlleiros persoeiros do mundo da profesión tan peculiares como foi Ramón Pola-Vacariza.
Co paso do tempo, e a reforma dos Estatutos, o título de Socio de Honra dáselle a aquel compañeiro socio que se destaca ao longo da súa carreira profesional, como ven de ler Rafael Cid, o secretario desta nosa asociación, que me honro en presidir. Así, por primeira vez, esta Directiva quixo homenaxear a dous compañeiros dos que paso a gabar unhas liñas entre o agradecemento, o respecto, a admiración e o cariño.
XESÚS GARABAL EXPÓSITO
Nesta Asociación, desde hai moito tempo, aí estaba Garabal. Don Jesús Garabal Expósito asinou varias ducias de Actas, primeiro como Secretario e despois como Presidente da Asociación da Prensa de Santiago de Compostela, ininterrumpidamente desde o 25 de xaneiro de 1966 ata 8 de febreiro de 1980, cando deu paso a outra directiva presidida polo tamén benquerido compañeiro Xabier Navaza.
Garabal e con el as Directivas que presidiu (entre as que estaban compañeiros históricos do xornalismo compostelán como Borobó, os irmáns Alvite, Pepe Fernández Ferreiro, Manuel Suárez Serantes “Panurgo”, Angel Botana, Diego Bernal, Manolo Paz, Baldomero Cores, e máis tarde outra pleaide de compañeiros máis novos como Luís Alvarez Pousa, Margarita Ledo, Ánxel Vence, Agustín Díaz, Miguel Bóo, Troitiño, e o propio Benxamín Vázquez (ponte entre as dúas xeracións e a aquí presente, a quen debo o rigor destas notas e o favor da sua memoria “histórica”), digo que Garabal tivo nos anos da súa presidencia dúas teimas fundamentais: primeira, e clarísima, a defensa do carné e título de xornalista, daquela expedido pola Escola Oficial de Xornalismo e posteriormente polas Facultades de Ciencias da Información e, consecuentemente, a inscrición dos seus membros no ROP (Rexistro Oficial de Periodistas).
Son moitas as apelacións contra do intrusismo que xa existían daquela no orbe xornalístico, onde moitas veces calquera –normalmente apoiado por longas e parciais mans- podería exercer este nobre oficio. Xesús Garabal foi neste punto belixerante e defensor acérrimo do carné de xornalista, que logo se viu homologado coa licenciatura. Seica, benquerido Jesús, había moitos problemas sobre todo por delegacións e corresponsalías. Déixame dicirche que se esta Asociación pervive hoxe é, fundamentalmente, pola teima que ti defendiches con tanto ardor, e que nós secundamos hoxe, con algunha puntual excepción canto a homologación profesional, seguindo os Estatutos de FAPE e os nosos propios.
Outra das teimas nas que se debatían nas diferentes Directivas que presidiu Jesús Garabal foron os problemas socio-laborais dos colegas. Velaí, efectivamente, a partir sobre todo dos anos 67 e 68, quizais cando había xa algúns tímidos ocos de aperturismo, eran constantes as denuncias contra os abusivos horarios de traballo, un salarios indignos, falla de vacacións, etc. Seica un día veu por alí un señor de sindicatos –supoño que cun bigotiño mínimamente rectangular- a dicir que a materia sindical non era do ámbito dunha asociación profesional e que os asinantes daquela se ativeran ás consecuencias…. Que medo. Con todo, a Asociación da Prensa estivo en primeira liña nos conflitos en defensa dos compañeiros, como foi, por exemplo, nos chamados “expedientes de crise”, ou nos asuntos mutualistas… desde os descontos ao 50% nos dentistas, nos remedios das farmacias, as becas para os fillos, as pólizas de seguros, e mesmo houbo intentos de facer –alá por Rianxo- unha “cidade dos xornalistas” para vacacións, cuns predios e chalets, que quedaron máis nun soño ca nunha realidade construtiva… É a partir dos anos 70 cando se toma máis conciencia dos problemas relativos ao ámbito profesional como a cláusula de conciencia, o desenvolvemento da chamada Lei de Prensa, a Lei Fraga e a elaboración dun Estatuto da Profesión, no que –madia leva- aínda andamos.
O presidente Garabal ía ás asembleas de FAPE custeando do seu peto, non había un real na asociación, as cotas de 10 pesetas ao mes a pouco chegaban (APS só conseguía algún beneficio cando organizaba os famosos trofeos de fútbol entre equipos galegos, e chegaron a facer máis 12 edicións!) Dicía que Garabal levou a representanción da Asociación da Prensa de Santiago, entre outras cidades españolas, a Madrid, León, Sevilla, Zaragoza, onde había asembleas federais, e viña con aires renovados que lles transmitía aos colegas composteláns.
O dilatado transcorrer de Jesús Garabal no xornalismo deu tamén cun acerto, do que moitos non se decatan distraídos na súa dispersión: a especialización. Ninguén como Garabal para saber dese ricaz mundo gandeiro e campesiño que cada xoves enchía Compostela, e daba conta nas páxinas de El Correo Gallego. Refírome ao mercado de gando, desde os tempos que se celebraba en Santa Susana ata que se trasladou a Salgueiriños, logo a Amio e seica agora o hinterland de Silleda… Ese mundo de altísimo valor etnográfico, cerne do noso ser naturalmente rural, propiedade da personalidade de Compostela (da que Otero Pedraio, que por certo fora designado Presidente de Honra da Asociación dixera un día, en frase xa instalada, que “era a aldea grande de Galicia e maior de Europa e na que os nosos paisanos non se sentían “nin cohibidos nin alarmados”, como relatara nunha entrevista no Ideal Gallego a Benxamín Vázquez). Por tanto ese mundo viviuno Garabal en primeira persoa e ninguén como el para estar ao tanto das transaccións que alí se facían, as chiscadelas nos tratos, a retranca dos tratantes coa sua aguillada en riste, ou os callos do mediodía. Garabal trasladou todos eses coñecementos a un excelente e voluminoso traballo de licenciatura, que estivo dirixido polo prestixioso profesor Enrique de Aguinaga.
Quero dicirche benquerido Jesús, en nome de todos os compañeiros da Asociación, e se me permite o Alcalde, dun sinnúmero de habitantes desta cidade, que estamos orgullosos da túas contribucións profesionais, e que nos sabemos debedores dos teus desvelos pola dignidade desta, por desgraza, cada vez máis desprestixiada profesión nunha sociedade onde semella que os parámetros nos que se move son alleos aos principios de ben esencial, valor democrático e principio constitucional como é a liberdade de prensa e o libre exercicio do xornalismo.
Por todo isto queremos agasallarte cunha praca na que levas o título de Honra desta que é túa Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela… Noraboa, para ti e a túa numerosa e encantadora familia. Moitas grazas.
BALDOMERO CORES TRASMONTE
Teño que vos dicir que deste infatigable xornalista, compañeiro desta Directiva da APSC, escritor, documentalista, sociólogo, diplomático, doutor en Dereito e esculcador de senlleiras figuras do pasado cultural galego, que se chama Baldomero Cores Trasmonte, nado no fondo da rada ou seo de Corcubión, na vila de Cee, contados saben con detalle da súa poliédrica, multifacética e ricaz traxectoria profesional. Galicia, a súa cultura e a súa prensa, débelle moito a Baldomero.
Seguindo o ronsel da chamada prensa galega de ida e volta, oceánica, tan fundamental na nosa historia con nomes como Lugrís Freire, Curros Enríquez, Álvarez Ínsua, Fontenla Leal, ou o propio Blanco Amor, Baldomero recibiu tamén os aires americanos en Porto Rico onde foi Catedrático de socioloxía e impartiu aulas na Universidade de Mayagüez, ese fermoso nome taíno, desde 1968 ata 1983. Desde aquel Estado libre asociado, con aires caribeños –nos que non se desbotan os tifóns tropicais- e impronta de cultura española –con marcado acento isleño, e dicir, canario- , impartiu doutrina, abriu ollos ao mundo, pero endexamais deixou de facelo pensando, matinando, traballando por Galicia, a súa e a nosa terra. Como exemplo, revelarei que Baldomero organizou sempre Día das Letras Galegas, e así cada 17 de maio, alí en Mayagüez, no medio do Caribe non faltaban nin as actividades culturais de lembranza nin, como non, a romería galega onde non escaseaba nin o caldo nin o pulpo á feira. Habería que imaxinalo…
Para os xornalistas que andamos na cincuentena Baldomero era o señor letrado que estaba sentado na mesa presidencial do Parlamento de Galicia, a carón do presidente Antón Rosón, e outros membros como Olives Quintás, Moure Mariño e González Amadiós o inesquecible “Panchulo”…, Isto foi aquí mesmo ao lado, no artesonado salón de Fonseca, nos inicios autonómicos que comezaron en Xelmírez, e que foron alicerces da nosa Galicia máis actual para os que Baldomero Cores proporcionou como letrado a masa fundamental para a súa sólidez constructiva con libros sobre o Estatuto de Galicia, Socioloxía de Galicia, Dereito autonómico de Galicia, a “Constitución da Galeguidade”, e sobre todo “Los símbolos gallegos”..
Pero antes Baldomero escribira tamén dúas pezas claves do arco socio-electoral galego: “La devolucion de Galicia, el estatuto ayer y hoy”, e por riba de todo “O libro negro da Galicia electoral” na que o noso benquerido homenaxeado se rebelaba ás veces ata con furia incontida e valente en contra das inxustizas, o caciquismo e os abusos que secularmente sufriu o noso pobo nos tristemente recordados “pucheirazos” e outras canalladas políticas.
Pero do seu espírito ilustrado, porque Baldomero semella un enciclopedista decimonónico e peripatético fóra deste tempo de futilidades, agromaron numerosos traballos nos que nos clarexou escuridades e esquecementos de fundamentais homes da nosa historia e da nosa ciencia como sen dúbida foi o incomprendido Ramón de la Sagra, o malogrado Ramon Suárez Picallo, o republicano e autonomista pontevedrés Enrique Rajoy Leloup (avó do actual presidente do goberno de España), o esencial xeográfo que para Galicia foi Domingo Fontán e o brilantísimo e sagaz xornalista compostelán Alfredo Vicenti, do que tivemos a honra –recentemente- de presentar e auspiciar a súa biografía, magnificamente elaborada por Baldomero.
Desde sempre Baldomero Cores é unha sinatura ilustre, de referencia e rigor, nas páxinas dos diarios galegos. Foino nalgúns de emblemática recordación como “La Noche” de Santiago ou “El pueblo Gallego” de Vigo, e é en xornais tan familiares e cotiáns para nós como “La Voz de Galicia” (no que foi o primeiro delegado de Santiago), “El Correo Gallego” ou “Faro de Vigo”. Pero alén da prensa mais próxima, Baldomero, gran experto en asuntos sociolóxicos, publicou en revistas especializadas como a portorriqueña “Atenea”, ou a relevante “Revista de Letras” e colaborou no “Diccionario de Ciencias Sociales”. No ámbito socio-político non hai que esquecer tamén que a súa tese doutoural levou por título “Comunidad y sociedad de las ideologías políticas del siglo XIX español”. Pero Baldomero non só está nas alturas científicas e na esculca da alta documentación histórica senón tamén é fino escribidor a pé de rúa con crónicas cidadáns entrañables desta cidade, nas que non lle falta a súa ironía de perspicaz galego, en sección como “Platerías” e máis nos nosos días, “Entremurallas”, onde tan axiña nos fala de rivalidades futbolísticas, a fisonomía do balbordo taberneiro do Franco, as picarescas estudiantís coas Marías, ou sen máis o devalar do tempo e os aconteceres nas rúas e prazas deste burgo marabilloso que habitamos e coñecido en todo o mundo polos camiños dos homes e da literatura.
Benquerido Baldomero, socio desta Asociacion desde 1966 –que tamén te vin nas Actas- é un verdadeiro orgullo para todos nós, os teus compañeiros tanto da Directiva como de toda a membresía, outorgarche o título (por se tiveras poucos…) de Socio de Honra da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela. O teu quefacer incansable, os teus principios humanísticos e morais na defensa da nosa profesión e da cultura de Galicia, son todos eles exemplo para os que te queremos e te admiramos. Noraboas para ti e a túa marabillosa familia, e moitisimas grazas.